Sunday 19 de May de 2024

A Xunta aborda coa directora da Comisión Europea en Madrid os bos resultados acadados co programa TecEuropa


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, detallou este iniciativa de especialización en materia de financiamento comunitario
 O director xeral de relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá coa directora da Comisión Europea en Madrid, Aranzazú Beristain, e aproveitou para presentar á Comisión Europea o Programa TecEuropa, de especialización en materia de financiamento comunitario.

Esta actividade, enmarcada dentro dos obxectivos da Fundación Galicia Europa de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos, ten como obxectivo último o fomento da participación galega en proxectos europeos, formando responsables de asuntos comunitarios que sexan quen de traballar en rede con outros técnicos de asuntos europeos en Galicia, promovendo a súa colaboración e sacando así o máximo proveito posible ás oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea.

En 2015, o Programa TecEuropa reuniu en Bruxelas a 25 técnicos de entidades públicas e privadas galegas. Os asistentes recibiron formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, ademais de visitar a Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Comité das Rexións (CdR) e o Comité Económico e Social Europeo (CESE) co obxectivo de coñecer de primeira man o funcionamento das institucións europeas. Logo do éxito acadado e o bo número de solicitudes recibidas (máis de 70 en 2015) convocouse unha segunda edición do Programa TecEuropa que terá lugar ao longo deste ano 2016, en Santiago e Bruxelas.

TecEuropa pretende servir de plataforma para a creación dunha rede de profesionais no ámbito do financiamento comunitario en Galicia que invita a participar a todos aqueles que teñan experiencia ou curiosidade neste eido co obxectivo de compartir información, buscar socios, expoñer dúbidas, etc. En definitiva, tecer fíos en Galicia para unha mellor proxección en Europa. Na actualidade esta plataforma conta con 55 membros e nel publícanse periodicamente anuncios de convocatorias e programas, conclusións de proxectos europeos, infodays, procuras de socios, xornadas de interese, axudas comunitarias, ofertas de emprego no eido europeo, seminarios e demais información sobre temas europeos.

Outros asuntos tratados na reunión
Durante a reunión tamén se abordaron outros asuntos, como a celebración do trixésimo aniversario este ano 2016 da entrada de España e Portugal na Unión Europea e o labor que desde 1988 está a desenvolver a Fundación Galicia Europa, unha entidade instrumental do sector público autonómico creada co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa.

Ademais, Jesús Gamallo e Aranzazú Beristain abordaron a programación de futuras actividades da Comisión Europea en Galicia no eido da información en asuntos comunitarios.